lunes, 25 de mayo de 2009

E para comer, Lugo?

Como lucense que son, sempre quixen poder suscribir este famoso eslogan, sen embargo, de ser sincera teño dúbidas de que verdadeiramente sexa a boa mesa o mellor activo co que conta a nosa cidade. Non quero dicir que Lugo non teña unha importante oferta gastronómica, o certo é que si que a ten, sin embargo esta oferta (sen ningún ánimo de menospreciala) parece que quedou encallada fai unha década. En Lugo nótase en falta a innovación que noutros fogóns galegos se están a introducir.

Sen embargo unha pequena gran raiola parece introducirse na tradicional e nalgúns casos aburrida cociña lucense, trátase do traballo que Héctor López está impulsando desde o restaurante familiar España, situado na rúa do Teatro.

Hai tres meses da miña primeira visita e o sábado xa se produciu a segunda, simplemente encántame.

Na primeira ocasión que me acheguei a cear ó España decanteime polo menú degustación, unha morea de pratos finalizados con dous postres estupendos.

Facendo memoria recordo que a gratificante experiencia neste restuarante comezou cun chupito de caldo acompañado de empanada de zamburiñas. Este comezo era toda unha declaración de intencións cociña creativa sen renunciar ós platos galegos máis tradicionais, materia prima de calidade e unha elaboración impecable. A presentación, en lousas, moi en consonancia coa tendencia na nova restauración galega ten en Lugo unha importancia especial.

Non sería capaz de asegurar en que orde foron os seguintes pratos pero si de recordar cales foron os que nos ofreceron esa noite: unha vieira á grella acompañada de espuma de pataca e cebola caramelizada, fantástica. ¡E que dicir dunha fina espuma de coliflor! Pero sen dúbida o momento álxido dos entrantes foi unha terrina de foie con queixo do cebreiro e mazá, a mestura do sabor doce do foie mesturado coa acidez do queixo e a mazá foi sorprendente e non só sorprendeu, convenceu.

Nos platos principais un peixe e unha carne, imposible recordar cales eran, sei que estaban bos pero o nivel dos entrantes era xa moi alto.

Temía o momento no que chegaran os postres, normalmente despois dunha comida estupenda o momento dóce pode decpcionarme xa que son moi esixente no que a larpeiradas se refire, pero Héctor e o seu equipo non fallaron, todo o contrario, dous postres sublimes: un souflé de chocolate (demasiado grande para o momento no que estábamos) e unha crema xeada de queixo con granizado de mazá e xelatina de mel, riquísimo, suave, cremoso... Perfecto.
Sinceramene por 40 euros/persoa non se pode pedir máis.

Na miña segunda visita cheguei atraída polas xornadas do arroz que publicitaban na entrada.

Que non podíamos prescindir da terrina de foie, queixo e mazá estaba clarísimo. A maiores pedimos unha croquetas de cecina e Torta do Casar, moi cremosas e suaves. Un entrante houbera sido suficiente pero a gula puido máis que a razón.

De plato principal decantámonos por un arroz caldoso con rape, ameixas e langostinos cun intenso sabor a mar, estaba estupendo.

Para o postre pedimos a xa catada crema xeada de queixo e unha crema de arroz con leite, xeado de canela e froitos vermellos, aínda que estaba rico non conseguiu igualar o anterior.

Non dubidedes que volverei moi pronto, e terei fotos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario